O Goberno galego licita hoxe no Diario Oficial de Galicia as obras de mellora da eficiencia enerxética no edificio da Audiencia Provincial de Lugo, cun orzamento de licitación de 298.970 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se actuará sobre a iluminación, na mellora do illamento dos ocos da fachada e nas carpinterías. “Con este novo contrato -asegurou- o Goberno galego fai patente a súa aposta pola mellora das instalacións xudiciais e tamén o seu compromiso co medio ambiente e o desenvolvemento sostible”.
Neste sentido, Balseiro engadiu que a Xunta “está a predicar co exemplo introducindo medidas de aforro enerxético en edificios públicos da súa titularidade. Xa o estamos vendo en distintos centros educativos e agora demóstrase de novo neste proxecto”. Practicamente o 85% do orzamento está destinado ás actuacións nos peches verticais, para a mellora dos ocos da fachada, tanto á reparación da carpintería exterior de madeira como á instalación de nova carpintería de aluminio e á substitución do acristalamento existente, formado por luna de vidro simple, por outro de dobre acristalamento de baixa emisividade térmica.
Tamén se procederá á fixación de premarcos metálicos e verteaugas de chapa de aluminio, e instalaranse unha vintena de contraventás pregables de catro follas. Polo que respecta á mellora da eficiencia enerxética da iluminación, retiraranse para a súa reciclaxe un total de 956 tubos fluorescentes e lámpadas e substitúense por 953 tubos e luminarias tipo LED.