A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de licitar o contrato de servizo para a redacción do proxecto de construción e impacto ambiental de mellora da estrada LU-651 no treito que une as localidades luguesas de Folgoso e Seoane.
O contrato, cun investimento de 230.126,34 euros, terá un prazo de 18 meses para a súa redacción. Esta actuación, que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) supón unha modificación do borrador do contrato preparado con anterioridade, para incluír no mesmo o proxecto construtivo da primeira fase.
O obxectivo da administración autonómica é definir a mellora da totalidade do tramo entre Folgoso e Seoane, que é de 14 quilómetros. Tendo en conta que o tramo obxecto do proxecto discorre integramente por Rede Natura (LIC Ancares-Courel) e que é clave o informe favorable do órgano ambiental para o desenvolvemento da actuación, determinaranse e avaliaranse as posibles solucións, que incluirán desde rectificacións puntuais das curvas de menor radio e potencialmente mais perigosas, a rehabilitación do firme pavimentándoo con MBQ.
A licitación tamén contempla que dado que se trata dunha estrada a media ladeira moi encaixada, a execución de cunetas tendidas de seguridade se realizarán polo lado do desmonte, e servirán de sobreancho practicable, así como a instalación de novos sistemas de contención e mellora dos existentes polo lado do terraplén. Estas actuacións mellorarán de xeito importante a seguridade no vial.
De xeito aproximado, os 18 meses de contrato dividirase en: 8 meses para a redacción do PT+IA e supervisión do mesmo; 6 meses o para proceso de información pública e solicitude de informe das administracións afectadas, incluído o informe ambiental, e elaboración do informe de alegacións; 4 meses para redacción do PC da primeira fase.