A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, aproveitando o período non lectivo das vacacións escolares do verán, impulsou novas obras de mellora nos centros educativos de Sarria. As actuacións, xa rematadas, tiveron por obxecto garantir o perfecto estado das instalacións de cara ao vindeiro curso, en concreto, actuouse no colexio Frei Luis de Granada e no Instituto Gregorio Fernandez desta localidade, segundo explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
A principal achega tivo como destino o instituto de ensino secundario citado onde a Xunta acometeu obras por importe de 23.000 euros, en particular, para a substitución integral de toda a rede de saneamento nun dos edificios do centro, que conta con novas tubeiras e sumidoiros que modernizan a instalación anterior.
No caso do Colexio Frei Luis de Granada, realizouse a revisión da instalación eléctrica de baixa tensión. Trátase dunha actuación que se realiza para garantir o bo estado desta rede e o seu funcionamento con garantías e seguridade. Balseiro indicou que ambos traballos afectan a servizos complementarios á actividade educativa do centro, pero non por iso menos importantes xa que logo foron considerados prioritarios pola unidade técnica da Delegación territorial e evitarán problemas e avarías nestes servizos.