A Xunta mellorará a formación específica de 160 membros de protección civil na provincia de Lugo

A Xunta de Galicia organiza neste primeiro semestre do ano na provincia oito cursos de formación dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil, que suman en total 160 prazas.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, participou onte na inauguración do programa de actividades, que se abre cun curso básico de protección civil en Guitiriz no que participan tamén voluntarios de Vilalba e Xermade. Nesta primeira quenda, as sedes elixidas para os cursos foron Guitiriz, Mondoñedo, Cervantes e Trabada.

Cabe lembrar que estes dous últimos concellos son os de máis recente incorporación ao Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia na provincia de Lugo, este mesmo ano.

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, organizará no segundo semestre un novo calendario de cursos.

Trabada e Cervantes acollerán tamén cursos básicos de protección civil; o de Trabada desenvolverase entre o 26 de abril e o 8 de maio, e participarán voluntarios deste municipio e de Barreiros, Ribadeo e Foz. O de Cervantes celebrarase do 22 de maio ao 3 de xuño, e ademais dos voluntarios deste concello asistirán membros das agrupacións de Becerreá e Portomarín.

Os cursos básicos abranguen contidos sobre a natureza e funcións de Protección Civil; os riscos, accidentes e autoprotección; loita contra os incendios; comunicacións; actuacións básicas ante emerxencias médicas, e igualdade de oportunidades. Constan de 18 horas de formación teórica e 14 horas de formación práctica. Asemade, posteriormente estes concellos acollerán outros catro cursos específicos.

Durante a apertura dos cursos, o delegado territorial, José Manuel Balseiro, destacou o papel fundamental que realizan as agrupacións de voluntarios de Protección Civil “no marco dun sistema de cobertura de emerxencias profesional e eficiente”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com