O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou á familia que perdeu a súa vivenda como consecuencia do incendio acontecido na madrugada do pasado martes na Fonsagrada.
Balseiro, ademais de poñerse á disposición dos afectados, comprometeuse a asesoralos, xunto cos técnicos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, sobre os trámites a seguir e as medidas de apoio previstas vista a situación de inhabitabilidade en que quedou a vivenda.
A administración autonómica ofreceu a esta familia tres posibles opcións alternativas. A primeira delas, supón a adxudicación directa e inmediata dunha vivenda de promoción pública no municipio máis próximo no que exista un inmoble vacante, que neste caso concreto son os de Becerreá e Lugo.
A segunda das propostas consiste en beneficiarse dun bono aluguer. Neste caso, a familia podería alugar calquera vivenda da súa elección e recibiría unha axuda da Xunta de 150 euros ao mes durante 3 anos. Este bono inclúe, a maiores, unha axuda adicional de ata 600 euros en pago único para cubrir os gastos de formalización do novo contrato e a mudanza.
Finalmente existe tamén a posibilidade de solicitar a través do concello, unha axuda de infravivenda que faría posible acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade. As axudas que a Xunta dirixe aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 95% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 15.000 euros por edificación.
Balseiro explicou que o Goberno galego habilita recursos “para atender con dilixencia casos de emerxencia como o que sufriu a familia da Fonsagrada”.