A Xunta ofrece unha xornada de portas abertas no barrio da Tinería para visitar os locais que sacará a poxa

A Xunta de Galicia, co delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, á cabeza, presentaron esta mañá a quen o desexara os locais que o ente autonómico ten no barrio da Tinería e que sacará a poxa tanto para venda como aluguer. A esta xornada de portas abertas acudiu tamén a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo e algúns membros do Partido Popular municipal, así como o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo.

O delegado territorial deixou claro, ante as críticas dalgún partido político que, a pesar de que é a normativa municipal quen regulará e condicionará as actividades destes locais, de detectar o exercicio dunha actividade ilegal, a Xunta pode chegar a rescindir os contratos, tanto sexan de aluguer como de compra.

O delegado territorial explica que todos estes locais teñen unha dobre opción de acceso: a compra ou o alugueiro, a petición dos interesados, aínda que os que opten pola venda terán preferencia.

“Queremos facer da Tinería un espazo de oportunidades para os que aposten por iniciar aquí un proxecto empresarial, e tamén, por suposto, fortalecer a competitividade dos que, desde actividades legais, xa teñen apostado por este barrio para impulsar o seu proxecto de emprendemento”, apuntou Balseiro.

Asemade, Balseiro adiantou a “máxima disposición da Xunta” para participar na Mesa convocada pola asociación de veciños, comerciantes e empresarios, que busca elaborar un plan de dinamización da Tinería. “Cremos que é un foro adecuado para acadar eses consensos e que vaiamos da man neste obxectivo”, afirmou.

“Debería paralizarse a venda”

A pesares das positivas declaracións do Delegado, o BNG-AA, representado polo voceiro municipal da agrupación, Rubén Arroxo, presentoulle persoalmente un escrito a Balseiro instándolle a paralizar a venda destes inmobles “por respeto á veciñanza da zona”.

O BNG-AA trasladou unha serie de propostas e solicitoulle ao Goberno Galego que se paralice toda decisión de calado sobre este barrio ata ter escoitado a propia mesa de traballo que se constituirá o vindeiro 13 de novembro. Arroxo apuntou que propoñemos esta paralización “posto que, tras a proposta da veciñanza, vense de aprobar a constitución dunha mesa especifica para tratar o barrio da Tineria con representación de todos os grupos municipais, Xunta de Galiza, subdelegación do goberno e asociacións veciñais e empresarias do barrio”.

Rubén Arroxo sinalou que “coa enaxenación destes inmobles o goberno do PP será responsable dunha importante perda de patrimonio público que pasará a mans privadas moi por debaixo da inversión que se leva realizado para a súa rehabilitación”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com