A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio porá en marcha este ano un proxecto destinado a previr os danos causados polo oso pardo á gandería e, ao mesmo tempo, sensibilizar á poboación para a conservación desta especie, identificada como “en perigo de extinción” no catálogo galego de especies ameazadas, publicado no ano 2007. De feito, e ao abeiro deste plan, Navia de Suarna acolleu hoxe mesmo a primeira das dez charlas divulgativas que se organizarán nos concellos lucenses nos que se rexistra unha maior presenza destes animais.
Nos últimos anos, e debido a paulatina recuperación de exemplares, incrementáronse os danos producidos polo oso pardo sobre explotacións apícolas e sobre silos plásticos de herba. De aí que o Goberno galego considere necesario acometer un proxecto para previr e paliar esta situación, ao tempo que se fomenta a recuperación desta especie.
Un dos obxectivos principais deste plan é diminuír os danos causados polo oso pardo mediante a aplicación de medidas preventivas. Con cargo a este proxecto a Xunta adquiriu 43 pastores eléctricos con alimentación a través de panel solar que serán repartidos de xeito gratuíto entre os apicultores con explotacións susceptibles de sufrir danos pola súa localización ou aquelas nas que se teña constatado un dano e non se proporcionara anteriormente pastores por parte da administración, tendo que estar en todo caso estes asentamentos apícolas inscritos no rexistro oficial.
O proxecto tamén busca mellorar o coñecemento, tanto sobre as posibles medidas de prevención como sobre a especie. O terceiro e último obxectivo principal do plan é mellorar a percepción social da xestión desta especie, mediante a formación, divulgación e sensibilización pública. Precisamente, para dar cumprimento a este último aspecto, a Consellería está a organizar durante os meses de abril e maio unhas charlas divulgativas nos centros educativos dos dez concellos con maior presenza da especie, como hoxe en Navia de Suarna. Estas actividades estarán dirixidas aos alumnos de primaria e ESO.
Nas xornadas, os escolares recibirán información sobre o estatus legal da especie; a súa bioloxía, ciclo reprodutivo, alimentación, hibernación, hábitat e distribución; as sinais indicativas da súa presenza, como pegadas ou excrementos; e as dificultades da súa conservación. Ademais, repartiranse trípticos informativos editados pola Xunta, tanto nos colexios como entre a poboación en xeral, para comunicar o contido das actuacións desenvolvidas polo Goberno autonómico. Deste xeito, facilitarase a difusión entre a poboación das medidas de recuperación desta especie ameazada.