A Xunta promoverá bos hábitos recuperando os ‘Almorzos Saudables’

En coincidencia co inicio do curso escolar, a Xunta de Galicia pon en marcha unha nova edición do programa Almorzos saudables nos colexios da provincia de Lugo, dirixido a “fixar hábitos saudables na alimentación dos máis pequenos e mellorar a saúde bucodental dos nosos escolares”.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, que engadiu que a iniciativa está dirixida ao alumnado de quinto e sexto de educación primaria e bota a andar, mañá e o xoves, no CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei. O programa está promovido pola Consellería de Sanidade en colaboración coa de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A actividade consiste na elaboración e degustación de almorzos saudables no propio centro. Ao comezo, impartirase unha breve charla informativa e motivadora sobre a importancia do almorzo e dunha dieta equilibrada para acadar un desenvolvemento san, e concluirá con outra charla sobre saúde bucodental e sobre técnicas de cepillado.

A actividade ten lugar en horario lectivo e o centro educativo faise cargo do almorzo, coa participación do profesorado e tamén dos pais e nais. A Xunta entregará a cada alumno un cepillo de dentes, a pirámide dos alimentos e un mantel individual.

Os menús ofértanse en dúas mañás, con lixeiras variacións. Inclúen lácteos, pan, tomate, aceite, xamón cocido ou serrano, froita e froitos secos, e son optativos o cacao puro e o azucre.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com