A Xunta restablece o uso de auga quente na residencia das Gándaras

A Consellería de Política Social incorpora dende mañá a once novos traballadores e traballadoras á residencia da terceira idade das Gándaras, onde hoxe mesmo restableceu o uso de auga quente tras rematar a construción dunha instalación que é independente da rede afectada pola aparición da bacteria da lexionela. Así o confirmou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, quen explicou que estanse a dar “pasos cara á normalización do funcionamento do centro”, se ben “é preciso manter as medidas de prevención establecidas no que respecta ao uso da rede de auga quente sanitaria”.

Entre mañá e o luns empezarán a traballar catro auxiliares de enfermería máis, catro camareiros limpadores, dous ATS, e un axudante de servizos técnicos, co obxectivo de que a calidade da atención aos residentes se resinta o mínimo posible. Nese sentido, a posta en marcha esta mañá do novo sistema independente de auga quente permite xa utilizar 10 duchas, unha por planta e dous nos vestiarios do persoal.

Cómpre lembrar que onte mesmo se restableceu o uso da auga fría ao constatar a ausencia da bacteria neste circuíto, e que tamén viñan funcionando xa servizos como a lavandería e o tren de lavado da cociña, que non están conectados ao sistema de auga quente sanitaria afectado. As Xefaturas Territoriais de Política Social e Sanidade traballan conxuntamente, baixo a coordinación do delegado territorial, no seguimento da situación e na adopción das medidas oportunas para evitar contaxios e minimizar os efectos que esta situación poida ter sobre os residentes e os traballadores.

Ao mesmo tempo, continúan as obras de remodelación do sistema de tubaxe de toda a instalación, nas que a Xunta inviste arredor de 200.000 euros, e coas que se pretende evitar problemas deste tipo. Polo que respecta aos dous residentes afectados, continúan ingresados no Hula e o seu estado é estable.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com