A Consellería de Infraestruturas e Vivenda subvencionou a posta en funcionamento de catro novos servizos de taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida, dous deles na capital, outro no municipio de Monforte de Lemos e un cuarto no de Ribeira de Piquín.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, confirmou que a consellería “admitiu todas as solicitudes que se presentaron na provincia para a adquisición de vehículos taxi adaptados, e cada taxista recibiu unha achega de 10.000 euros, tal e como establecía a orde de convocatoria de axudas”.
O delegado territorial coñeceu hoxe un dos vehículos adaptados e tivo a oportunidade de valorar a medida co seu propietario, Alberto Vieites Pérez, que presta servizo na cidade de Lugo.
Balseiro subliñou que a través deste programa a Xunta colabora co sector do taxi para mellorar a súa competitividade, pero sobre todo, para “garantir a igualdade e os dereitos das persoas con problemas de mobilidade”.