Xuntanza da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, asistiu este luns a unha das seis xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego, conformada por persoal das administracións locais e provinciais integradas no Fondo Galego de Cooperación, da que é membro o Concello de Lugo. O encontro, que tivo lugar no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra deu conta dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países do Sur coas cotas que achegan os Concellos e as Deputacións socias, ao tempo que se informou das actividades a implementar en 2016 para concienciar fronte as desigualdades.

Entre hoxe e o mércores terán lugar estes foros nos concellos da Estrada, Lugo, Ourense, Teo, Betanzos e Moaña. Neste encontros realízase un repaso das novas Liñas Estratéxicas 2016-2019, que avogan pola incorporación de máis municipios a esta rede solidaria e revísase o Plan 2016 e as accións previstas nas áreas de fortalecemento, sensibilización, proxectos e comunicación. Exposicións, actuacións musicais, contacontos, charlas ou obradoiros de fotografía e calceta son algunhas das actividades que os socios poden solicitar.

A iniciativa europea Redes para o Desenvolvemento ou o concurso Imaxes con Fondo son outras das actuacións sobre as que se informará, así coma do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo. No eido da cooperación internacional, amosaranse os resultados do proxecto a prol da saúde infantil e materna apoiado neste país lusófono e da achega para a reconstrución dun centro sanitario nos campamentos saharauís.

As xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria coa Secretaría do Fondo Galego de Cooperación celébranse cada seis meses co obxectivo de render contas e favorecer un contacto directo que garanta correcto funcionamento da asociación. O intercambio de ideas e opinións que se xera permite unha boa circulación da información, a comunicación e a transparencia, imprescindibles para realizar un traballo eficaz.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 84 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com