O Grupo de Iniciativa Territorial (GIT) de Fiare Banca Etica está constituído polas persoas socias deste Banco cooperativo que se organizan para promover e desenvolver as finanzas éticas e apoiar a economía real apostando polas iniciativas locais, sociais, solidarias e de protección do ambiente.
Banca Etica é unha entidade cooperativa bancaria que opera en Italia e en España, baixo o nome de Fiare Banca Etica, con máis de 40.000 persoas socias.
O GIT Galiza Norte-Asturias engloba as provincias da Coruña, Lugo e Asturias e o pasado 30 de xaneiro celebrou a súa asemblea anual na que se puxeron en común as novidades e os avances dos Grupos de Iniciativa Territorial e tamén dos resultados de Fiare Banca Etica.
Neste encontro xurdíu a necesidade de revitalizar os seus grupos locais nas provincias da Coruña e Lugo e en Asturias. Froito disto concretouse a primeira reunión en Lugo que de xeito virtual tivo lugar o venres 19 de febreiro. Nesta xuntanza participaron persoas socias da cooperativa de crédito Fiare Banca Etica da provincia. Nesta entidade de finanzas éticas perséguese aumentar o impacto positivo da Economía Social e Solidaria e fomentar mellores prácticas financeiras economicamente transformadoras. Está refrendada polo compromiso de máis de 3.000 persoas socias en España. Leva anos contribuíndo, a través de variadas formas e en diferentes ámbitos, á transición ecosocial necesaria na nosa sociedade e no mundo.
Neste encontro lucense acordáronse os principais obxectivos a nivel local para os vindeiros meses. O recén revitalizado grupo de Lugo identificará proxectos e iniciativas de economía social financiables e fará sensibilización sobre finanzas éticas e economía social. A estas iniciativas engadiremos a promoción entre as pemes e as cooperativas da posibilidade de financiación a través de Fiare Banca Etica.
A Provincia de Lugo leva anos contando cun grupo impulsor estable de persoas socias da cooperativa Fiare Banca Etica e o banco leva impulsado e apoiado a Fundación Pedagóxica Waldorf, dentro dos 14 créditos bancarios que en 2020 apoiaron iniciativas económicas nas provincias de Lugo, Coruña e Asturias (frenta aos 4 proxectos que se tiñan apoiado en 2019).
En 2020 o noso GIT incrementou o número de persoas socias, contas correntes, imposicións a prazo fixo, un crecemento dun aforro do 22,32% e do crédito nun 60%. Para 2021 prevemos que estes números sigan mellorando xa que a actividade da operativa bancaria é cada vez maior e conseguimos achegar novas persoas e proxectos a participar como socios ou clientes de Fiare Banca Etica.
Fiare Banca Etica en España en 2020 conseguiu uns números moi positivos incrementando en 162 o número de persoas e organizacións socias ata as 3147 socias na actualidade (incremento do 5,4%), o volume de capital social aumento en 242 mil euros, ata acadar os 4 millóns de euros (+6,4%).
Os datos consolidados de Fiare Banca Etica serán aprobados na Asemblea anual que no mes de maio se celebra simultaneamente nunha localidade italiana e outra española. Este ano, da mesma maneira que en 2020, será realizada de maneira virtual para facilitar a asistencia e participación das persoas socias.
As persoas interesadas en informarse máis sobre esta inciativa poderán visitar o blog https://www.fiarebancaetica.coop/blog ou a páxina da entidade https://www.fiarebancaetica.coop
Para máis información: git.galizanorte-asturias@fiarebancaetica.org