O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo esta mañá unha reunión coa alcaldesa de Lugo Paula Alvarellos e persoal técnico das dúas administracións, convocada polo representante autonómico, co ánimo de desbloquear proxectos que se atopan “en distintas fases de execución” e cos que se pretende “favorecer unha mobilidade sostible e mitigar o problema da falta de aparcamentos na cidade”.
O delegado da Xunta e alcaldesa analizaron tres proxectos en concreto: as posibilidades para a creación dun aparcamento na avenida de Fontiñas e a apertura dos aparcamentos dos institutos e do construído pola Xunta na Avenida de Breogán.
No tocante á construción dun aparcadoiro en Fontiñas, Arias reiteroulle á alcaldesa a “plena disposición” do Goberno galego a colaborar neste proxecto, se ben trasladoulle que a proposta inicial presentada polo Concello -que plantexaba ubicar o aparcamento nunha parcela que linda coas rúas Rof Codina, Illa da Toxa e Xoan Rico Pérez- “non resolve en absoluto os problemas dos veciños e veciñas de Fontiñas e demais usuarios desa vía”. A rexedora rectificou da súa proposta e na reunión plantexáronse xa outras posibles localizacións na contorna da propia avenida. “A Xunta acometará integramente a construción deste aparcamento e por iso analizaremos a fondo as distintas propostas e falaremos tamén cos veciños para ver cal é a alternativa que ofrece a resposta máis eficaz ás súas necesidades”, explicou o delegado.
Nun segundo punto, abordouse a apertura ao público dos aparcadoiros dos institutos, en horarios compatibles coa actividade lectiva. A Xunta abrirá en primeiro lugar o aparcadoiro do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, un trámite para o que é necesario que se convoque previamente a Xunta local de seguridade co fin de asinar un convenio entre as Administracións que permita definir as responsabilidades e competencias que asume cada parte en cuestións como, por exemplo, a retirada de vehículos dentro do espazo. “A alcaldesa comprometeuse a convocar canto antes a xunta local de seguridade, así que agardamos que sexa así para poder abrir o aparcamento do instituto á maior brevidade posible, coa seguridade xurídica necesaria”, dixo Arias.
O delegado, lembrou ademais a vontade do Goberno galego de abrir tamén o aparcamento do IES Lucus Augusti pero explicou que neste caso haberá que agardar a que as obras de rehabilitación integral que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a executar no centro, cun investimento de 3,3 millóns de euros, permitan usar o espazo do aparcamento e facelo en condicións de seguridade.
A xuntanza serviu tamén para avanzar na apertura do aparcadoiros disuasorio construído pola Xunta na Avenida de Breogán, e que suporá poñer a disposición da cidade 148 novas prazas. O delegado territorial conseguiu o compromiso da alcaldesa de que se axilizará a concesión da autorización necesaria para que a Xunta poida actuar dentro do dominio público municipal e realizar así as obras que dean solución aos problemas de drenaxe de auga que xa existían previamente na contorna do aparcadoiro, afectando principalmente na rúa Monte Pena Rubia.
Velaí os planos coas novas ubicacións propostas para construción do aparcadoiro de Fontiñas, e que esta mañá se estudiaron. En vermello figura marcada a nova proposta presentada polo Concello (na que habería que urbanizar a parcela e abrir unha rúa) e en azul as propostas da Xunta (aparcamentos en altura e nos que, segundo Arias, se gañarían máis prazas.