O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, reuniuse esta mañá con diferentes responsables de unidades da Administración Periférica do Estado na provincia con responsabilidades ou competencias en aspectos vencellados ás institucións penitenciarias e a violencia de xénero.
Esta xuntanza é a primeira das que se celebrarán nas vindeiras semanas dentro da denominada Comisión de asistencia ao subdelegado, que tén como obxectivo principal dar conta da situación dos diferentes servizos, así como favorecer unha maior cohesión e coordinación nas actuacións dos distintos entes con competencias nunha determinada materia.
Entre outros asuntos, esta mañá informouse dos programas de socialización e reeducación social que se imparten nos centros penitenciarios da provincia ou xa na rúa, no caso dos que promove o Servizo de Xestión de Penas, e deuse conta da campaña ‘Diez formas de violencia digital’ elaborada por Pantallas Amigas, co apoio do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para previr, sensibilizar e detectar os primeiros sinais da violencia de xénero exercida a través de internet e as redes sociais entre os máis novos.
No encontro estiveron, ademais do subdelegado do Goberno, o secretario xeral e o vicesecretario da Subdelegación, Roberto Raposo e Luis Torres; a xefa da Unidade de Violencia contra a muller, Ana Belén Pacio; a xefa do Departamento de Traballo e Inmigración, Elba Rivas; os directores dos centros penitenciarios de Monterroso e Bonxe, Antonio Rivera e Álvaro Nuevo; e o xefe do servizo de Xestión de Penas, Manuel Otero.