Xustiza

Cando hai anos estivemos en La Haya, leváronnos ver os edificios públicos máis relevantes da cidade, entre os que estaba a sede da Corte Penal Internacional, esa que ten estendida orde de detención contra Vladimir Putin e agora tamén contra dous militares baixo o seu mando, por crimes de guerra e lesa humanidade perpetrados na invasión de Ucraína.

Ninguén dubida que nunha guerra, en calquera guerra, se cometen horribles excesos comezando pola guerra mesma, extremándose os horrores cando os sofren civís indefensos, sexan mulleres, nenos ou homes, inocentes alleos a calquera conflito. E o de Ucraína é especialmente sanguento.

Decisións coma a do altísimo tribunal veñen ter o mesmo resultado que “El coro de los grillos que cantan a la luna” que citaba don Antonio Machado, porque ningún dos líderes incriminados no presente ou no futuro cometerá o erro de saír fora das fronteiras do seu país, para non incorrer na situación de Pinochet que permitiu que Baltasar Garzón o detivese en Londres. a onde acudira para un tratamento médico.

Se Putín segue atrincheirado en Rusia, a orde de detención é papel mollado, para o autócrata con dereito de veto na Onu, inimigo certo de Occidente, ao que todos os europeos miramos de esguello por se lle da por xogar coas chaves (estilo rapaz de outrora estreando coche) do inmenso aparato nuclear do seu pais.

A xustiza ten algo de misterioso, distante, ritual, arcano… se non, que llo pregunten a quen poida explicar as interpretacións contrapostas de textos fundamentais, porque o do Tribunal Constitucional non parece ter nin antes nin agora explicación lóxica.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com