A Xustiza dálle a razón a Plataforma Sarriá polo río e obriga á dirección xeral de Patrimonio a tramitar a denuncia que a organización presentou en marzo do ano 2014 por observar deficiencias na protección do Camiño de Santiago durante as obras de encauzamento do río.
Ditas obras implicaban entre outras actuacións a tala de máis de 200 árbores autóctonas na ribeira do río, un feito que causou unha forte contestación social.
Ademais, en marzo do 2014 a Plataforma presentou unha denuncia ante a dirección xeral de Patrimonio. Denuncia que, segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, non foi tramitada. Agora unha sentenza de dito tribunal obriga a reactivala e critica a “inacción” do departamento de Patrimonio.
Os membros da Plataforma celebran o fallo e subliñan que dita actuación “é incompatible coa normativa urbanística de Sarria”. Anuncian tamén que seguirán a defender o patrimonio cultural e histórico da vila.