O programa Lugo +Xti, promovido pola área de Xuventude do Concello de Lugo e subvencionada polo Plan Nacional sobre Drogas, lanza unha nova iniciativa dirixida á prevención do consumo de alcol e a concienciación sobre os seus riscos. Esta campaña, que se desenvolverá en distintos lugares de ocio da cidade, ten como obxectivo informar á cidadanía sobre a problemática do consumo irresponsable de alcol e os seus efectos adversos, tales como accidentes de tráfico, condutas sexuais inadecuadas, comportamentos violentos, e as súas repercusións nas relacións interpersoais e na saúde física.
A prevención de drogodependencias e o fomento de bos hábitos de saúde son dúas labores que as institucións e a sociedade teñen o deber de potenciar. A través desta iniciativa, buscase aproveitar todas as ferramentas posibles para achegarse ás veciñas e veciños e concienciar sobre o consumo, non só de alcol e outras drogas, senón tamén doutras condutas potencialmente aditivas, como o abuso das novas tecnoloxías ou o xogo patolóxico.
Os puntos de información contarán coa presenza de expertos en prevención de adiccións, quen levarán a cabo diversas dinámicas educativas. Entre as actividades previstas figuran test de alcolemia, gafas de simulación de distintos tipos de drogas e niveis de alcolemia, xogos de coordinación e deportivos, así como música e animación. Os participantes recibirán agasallos, incluíndo camisetas, fotos de recordo, bolígrafos, chaveiros e pulseiras, como recoñecemento ao seu interese por aprender e previr problemas relacionados coas adiccións.
As actividades, de balde, darán comezo o venres 19 de xullo na Praza da Milagrosa e continuarán ao longo do verán no Paseo Fluvial do Miño e Praza de Campo Castelo (20 de xullo), Praza da Soidade (2 de agosto), Praza de Santa María (3 de agosto), Piscina Municipal de Frigsa (6 de agosto), Praza de Augas Férreas (9 de agosto), Parque Rosalía de Castro (24 de agosto) e Praza Maior (28 de agosto).