Segundo datos da Asociación de Usuarios de Vehículos de Movilidad Persoal (AUVMP), actualmente en España atópanse en circulación máis de 20.000 vehículos deste tipo, a maioría patinetes eléctricos, que non dispoñen dun espazo propio para circular e, por tanto, conviven na vía pública co resto de usuarios e tipos de transporte xerando situacións de risco.
Unha realidade que a área de Xuventude tivo moi en conta para organizar, este semestre, unha nova actividade formativa dirixida á mocidade lucense e encamiñada a mellorar os coñecementos que a rapazada ten sobre seguridade viaria.
Trátase dun taller teórico-práctico, motivado no auxe que está a ter o emprego destes vehículos, tales como patinetes eléctricos ou hoverboards e que ten como obxectivo dar a coñecer e comprender, entre os seus condutores e condutoras, a normativa e os principios básicos de protección activa e pasiva así como potenciar as habilidades e destrezas a bordo dos mesmos para poder circular adecuadamente por estradas abertas ao tráfico, compartindo o seu uso con outros usuarios e garantindo, á súa vez, a convivencia.
O obradoiro, que terá lugar o martes, 21 de abril, na Casa da Xuventude, a partir das 17:00 horas, conta con 20 prazas dispoñibles e ten unha duración de 4 horas, dúas de teoría e outras dúas de práctica.
Na primeira parte exporanse as normas e sinais de circulación, especialmente as que afectan a este tipo de vehículos aínda que tamén inclúe unha explicación de nocións básicas sobre a seguridade dos mesmos: equipamento, iluminación, timbre, etc.
O segundo bloque, baseado no seu manexo, desenvolverase nas inmediacións do recinto da Casa da Xuventude sobre circuíto pechado. Nel abordarase o equilibrio con cambios de pesos movendo o corpo, a freada controlada, o cambio de dirección, esquive de obstáculos, posición na calzada correcta e segura, prioridade, ou non, con respecto a outros usuarios e vehículos da vía, velocidade e distancia de seguridade, cambios de dirección e sinalización, uso adecuado dos pasos para peóns e ciclistas, circulación en paralelo e en grupo, interseccións e glorietas, entre outros.
Todos os mozos e mozas interesados en participar nesta actividade gratuíta poden inscribirse na Casa da Xuventude, na rúa Xesús Bal e Gay.