A área de Xuventude, que dirixe a concelleira Ana González Abelleira, ten preparada unha xornada de aventuras a primeira fin de setembro. Esta actividade, enmarcada na programación do +Xti, organizada pola entidade local e subvencionada polo Plan Nacional de Drogas, está destinada á mocidade de 18 a 35 anos, empadroada en Lugo.
Entre as alternativas propostas para esta xornada de balde, os mozos e mozas poderán practicar kayak e trekking. Tamén terán a posibilidade de participar nunha carreira de orientación nocturna con frontais e nun circuíto de cordas e tirolinas entre árbores. Terán lugar en Viveiro, ata onde un bus trasladará á mocidade dende Lugo o sábado, 5 de setembro, ás 17:00 horas. Regresarán o domingo tamén con saída ás 17:00 horas.
Os mozos e mozas interesadas en participar, poderán inscribirse, do 31 de agosto ao 3 de setembro, no correo electrónico maisporti2020@lugo.gal, especificando no asunto Inscrición aventura +Xti e cos seguintes datos no corpo do mail: nome e apelidos, DNI/NIE, enderezo, teléfono e data de nacemento. As admisións serán feitas por rigurosa orde de inscrición e non se pode facer máis dunha solicitude no mesmo mail. Existen 20 prazas.
Para participar é imprescindible o seguinte material: saco de durmir e esteira, roupa de abrigo, chuvasqueiro, frontal ou lanterna, útiles de aseo, toalla e calzado e roupa para mollar.