Xuventude pon en marcha 7 novas rutas a pé para o último trimestre do ano

A Área de Xuventude do Concello de Lugo, que dirixe Ana Abelleira, pon en marcha 7 novas rutas a pé para o último trimestre do ano dirixidas á mocidade de 24 a 35 anos. Concretamente, arrincarán o sábado 10 de outubro e rematarán en decembro, e dentro da programación figuran andainas de dificultade fácil, media e alta, para os rapaces e rapazas máis experimentados como para os que se están iniciando.

Xuventude continúa con esta programación que pon á  natureza como principal protagonista, dando así aos mozos e mozas distintas alternativas de lecer, neste caso con percorridos de sendeirismo por distintos puntos da provincia de Lugo e de León; apostando polo deporte, o medio ambiente e unha vida saudable ao tempo que se relacionan con outros rapaces e rapazas da súa idade.

O primeiro destino elixido é o Pico Mustallar. Trátase dun dos principais cumios da Serra de Ancares cos seus 1.935 metros de altitude, que ten a particularidade de ser o Pico máis alto dos Ancares Lucenses e de toda a provincia de Lugo.

Acadar este cumio, xa é de por si un importante e atractivo reto deportivo e montañeiro ao que cómpre engadir a beleza de todo o traxecto, xa que as e os participantes poderán gozar, en todo momento, das espectaculares paisaxes da Serra dos Ancares.

A actividade partirá da localidade de Piornedo, aldea de grande encanto e cun bo estado de conservación, que permite desfrutar de numerosos elementos etnográficos típicos desta zona como son as pallozas, os hórreos e os alpendres.

A continuación detállanse o resto de rutas a pé que compoñen a programación.

 10 de Outubro. Ascensión ao Pico Mustallar, Ancares Lucenses. Distancia: 12,5 Km e dificultade media-alta.

24 de Outubro: Ribeira Sacra do Miño (A Cova – Santo Estevo de Ribas de Miño). Distancia: 18,5 Km e dificultade media.

31 de outubro: Ascensión á Pena do  Seo e Ruta do Wolframio, Bierzo (León). Distancia: 17 Km e dificultade media-alta

14 de novembro: Fraga das Reigadas, A Pontenova. Distancia: 16,5 Km e dificultade media.

28 de novembro: Ruta do Río Pequeno, Seonae do Courel.  Distancia: 16 Km e dificultade fácil.

13 de decembro: Belén de Cumio: Ascensión ao Pico 3 Bispos, Ancares Lucenses. Distancia: 15 Km e dificultade media.

Data por determinar (en función das condicións metereolóxicas): Ruta Invernal con raqueta de neve, Laciana (León).

Esta programación está suxeita ás posibles restriccións impostas polas medidas de prevención derivadas do Covid. Tanto o límite de participación como as actividades a realizar pódense ver modificadas en función das limitación existentes nas datas sinaladas.

Inscricións

Os mozos e mozas interesados en participar xa poden facer as súas inscricións, a través do enderezo xuventude@lugo.gal, facilitando, con carácter obrigatorio, nome, apelidos, data de nacemento e teléfono, así como foto ou fotocopia do DNI/NIE/PASAPORTE. As e os menores de idade irán acompañados por unha persoa adulta.

A participación en cada actividade, que é gratuíta, seguirá a seguinte orde de prioridade e por rigorosa orde de inscrición:

Mozos e mozas de 14 a 35 empadroados no Concello de Lugo (achegando de xeito obrigatorio declaración responsable de empadroamento, que o Concello poderá comprobar)

Mozos e mozas de 14 a 35 anos, que traballen ou estuden no municipio de Lugo (achegando copia do contrato de traballo ou matrícula do centro educativo regrado no que estuda)

Mozos e mozas de 14 a 35 anos que residan en municipios limítrofes.

E sempre e cando queden prazas vacantes, resto de poboación non superando o 10% de prazas ofertadas en cada actividade.

O punto de partida e de chegada é a Casa da Xuventude. A Concellería solicita avisar no caso de ter praza e non poder asistir.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com