A Concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, lembrou hoxe que continúa aberto o prazo para participar no concurso aberto na rede social Tik Tok, dirixido á mocidade lucense, co fin de fomentar entre a rapazada un ocio alternativo que posibilite a diversión na casa.
“Todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos que estean interesados en apuntarse ao certame só teñen que subir o Tik Tok a esa mesma plataforma, a Instagram ou Facebook co hastag #nadalnacasa, ata o 9 de xaneiro. Poden facelo de xeito individual ou colectivo, cun máximo de tres persoas por formación. As e os menores de 18 anos precisarán unha autorización do pai, nai, titor ou titora que poden solicitar a través do enderezo xuventude@lugo.gal ou nos teléfonos 982297496 ou 982297269”, explicou a edil.
O concurso terá distintos premios baseados en vales de 20€ ou 60€ para gastar nun xantar ou cea en calquera dos establecementos de restauración de Lugo. Non se incluirán bebidas alcohólicas.