XVIII Encontro Internacional de Torneiros de Xermade

A iniciativa, organizada polo Concello de Xermade, e que conta coa colaboración da Deputación de Lugo e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, permite poñer en valor o oficio do torneado de madeira.

o Alcalde de Xermade, Roberto Castro, O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, a Directora Xeral de Comercio, Sol Vázquez Areal, e o torneiro Alfonso Franco, e presentaron este xoves na Biblioteca Municipal do Concello a XVIII Edición do Encontro Internacional de Torneiros da Madeira en Galicia, que se celebra dende o 21 ata o 23 de setembro nesta vila da Terra Chá.

Vidal Baamonde sinalou que “tras celebrarse 17 edicións, esta cita internacional atópase máis consolidada que nunca na programación da provincia. Durante a mesma, poderase contemplar o oficio dos torneiros, ademais dunha ampla axenda de actividades, como charlas, conferencias ou exhibicións. Este ano ademais haberá catro invitados e expertos de luxo como son a francesa Elisabeth Mezières, o inglés Rod Page, o madrileño Toni Porto e o coruñés Lolo Castro”.

O Deputado remarcou “o firme compromiso do Goberno da Deputación pola promoción da artesanía en todo o territorio. Neste senso, só neste mes de agosto temos previsto 11 exhibicións de artesanía na provincia. Ademais tamén puxemos en marcha axudas e convocatorias para a dar a coñecer os oficios que forman parte da historia desta provincia, e colaboramos estreitamente con asociacións que se dedican a preservalos, como os Ferreiros do Riotorto ou os zoqueiros”.

Pola súa banda a  Directora Xeral salientou que o encontro internacional de torneiros converterá a Xermade nun espazo de formación e exhibición de referencia do sector artesán galego.

O Alcalde agradeceu o compromiso do Goberno da Deputación nesta nova edición. “O encontro de torneiros é un referente grazas ao compromiso de administracións como a Deputación de Lugo, que continúan apostando por este evento, vital para o desenvolvemento do noso Concello”. Por último convidou a todos os visitantes a achegarse a Xermade para gozar deste evento, e ao mesmo, descubrir este municipio chairego.

 Orixes deste cita Internacional

O Encontro naceu en 2001 na Aldea Artesán de A Fraga de Xermade, coa intención de recuperar do esquecemento un oficio tradicional en Galicia, documentando as ferramentas, maquinaría, materias e técnicas de traballo para logo dalas a coñecer o maior número de persoas posíbeis.

Este evento celebrase en Xermade na segunda quincena do mes de setembro coa asistencia de profesionais e afeccionados de todo o Estado e do resto de Europa e incluso de EEUU, Australia e Nova Zelanda. Unha das finalidades didácticas que persegue este encontro é divulgar os valores do oficio, co fin de que o público teña máis argumentos para diferenciar artesanía e industria.

CONtornos, exposición itinerante de madeira torneada

As pezas que se exhiben son unha representación dos traballos realizados polos participantes nos encontros de torneiros que se celebran en Xermade, desde fai 17 anos. Os poñentes internacionais que participan nos encontros encárganse de facer a selección entra as pezas expostas polos participantes, tanto sobre as técnicas empregadas como as materias primas, así como os acabados que son moi variados, polo que os resultados son sempre distintos e sorprendentes.

Colaboración da TIC

A Fundación TIC ten editados varios vídeos coas demostracións dos mestres que participaron en edicións pasadas. Trátase de Margarett Garrard, Jérôme Blanc, Adrián Pena e Manuel Castro. O vídeo está dispoñible na canle de Youtube da Fundación TIC e nas redes sociais. Nestes medios pódese tamén visualizar as reportaxes e resto de traballos audiovisuais realizados nos últimos anos por bolseiros e profesionais da TIC sobre este Encontro. Con esta colaboración, a Fundación TIC contribúe a transmitir o labor dos mestres torneiros e manter vivo un oficio tradicional con raizame na provincia de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com